Monday 29 de April de 2024

O Entroido pobrense repartirá 1450 euros en premios entre os mellores disfraces


O municipio pobrense vivirá un Entroido composto de diversas actividades coas cales desfrutaren grandes e pequenos ao tempo que se dinamizan diferentes espazos da vila. Recupéranse a maior parte das propostas agás o desfile porque, segundo explicou a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), acompañada da técnica municipal desta área, Fita Sanisidro, “puxémonos en contacto coas comparsas e todas elas responderon que non traballaron nos seus traxes debido á situación de incerteza que levamos vivindo todo este tempo. E despois tamén falamos con asociacións da Pobra polas carrozas, pero tamén nos dixeron que non o prepararan. Entón, decidimos non face-lo desfile, porque sen comparsas nin carrozas veríase deslucido.”

En consecuencia, a programación deste 2022 aposta por concursos cos cales premia-la creatividade da veciñanza á hora de elabora-los seus disfraces e que repartirán un total de 1450 euros.

Un dos certames terá lugar no 26 de febreiro e está destinado a persoas maiores de 13 anos. No Cantón da Leña habilitarase un photocall e unha discomóbil coa cal anima-la contorna dende as 19.00 ata as 00.00 horas. Establécense dúas categorías coas súas correspondentes cinco distincións: individual/parellas (un primeiro premio, de 125 euros; un segundo, de 100; un terceiro, de 75; un cuarto, de 50 e un quinto, de 25) e grupo (un primeiro premio, de 200 euros; un segundo, de 150; un terceiro, de 100; un cuarto, de 75 e un quinto, de 50). As inscricións para participar realizaranse na propia praza e as imaxes serán tomadas por un fotógrafo para, posteriormente, remitilas ao xurado.

Para esa mesma xornada concíbense dúas actividades itinerantes: a charanga Oito nun piso amenizará as rúas a partir das 13.00 horas; mentres que Troula Animación fará o propio co seu espectáculo A invasión pirata, das 20.00 horas en diante.

Doutra banda, o día 27 de febreiro estará dedicado aos cativos e cativas cunha festa infantil que se desenvolverá na praza Alcalde Segundo Durán, en horario de 16.30 a 19.30 horas, e para a cal é necesaria a inscrición previa a través da seguinte ligazón: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLScjK6FvT2NFiclOPCkZ6fTuWHenNczavQZLTsAqgNRJhE4P7Q/viewform. Haberá discomóbil, inchables, maxia, chocolatada, obradoiros e contará tamén cun concurso no cal poderán participar todas aquelas crianzas con idades inferiores aos 12 anos. Entregaranse cinco galardóns: un primeiro, de 150 euros; un segundo, de 125; un terceiro, de 100; un cuarto, de 75 e un quinto, de 50. En caso de chuvia trasladarase ao CEP Salustiano Rey Eiras.

E, finalmente, para o día 1 de marzo, Martes de Entroido, haberá un toque musical e gastronómico. A partir das 19.00 horas, a charanga Oito nun piso volverá á Pobra para percorre-las rúas da vila e no Cantón da Leña disporase dunha degustación de filloas e orellas. Posteriormente, ás 20.00 horas, na referida praza procederase coa entrega dos premios ás persoas gañadoras do concurso do día 26 de febreiro, que deberán ir ataviadas cos disfraces que resultaron distinguidos.

As bases están á disposición na páxina web www.apobra.gal.